13 octubre, 2015

II Xornadas de Documentación «Arquivos para a cidadanía. Arquivos da cidadanía» no Ateneo Ferrolán

O Ateneo Ferrolán celebra o vindeiro xoves 15  de outubro a partir das 17.00 horas, na súa sede da rúa Magdalena, as II Xornadas de Documentación «Arquivos para a cidadanía. Arquivos da cidadanía», presididas polo concelleiro de Cultura de Ferrol Suso Basterrechea.
Os estereotipos tenden a amosar os arquivos como institucións históricas adicadas ao estudo do pasado e á investigación. Máis aló deste clixé, as xornadas queren poñer o énfase en como o funcionamento dos arquivos ten directa repercusión no día a día dos cidadáns en ámbitos tan cotiáns como a Sanidade ou a Xustiza, por poñer só algúns exemplos.

O profesor Pedro López Gómez imparte a conferencia inaugural. Pedro López foi o primeiro vicedecano de Biblioteconomía da Facultade de Humanidades. Na actualidade é profesor honorario da Universidade da Coruña e presidente do padroado da Fundación Olga Gallego.
Pedro López incidirá na necesidade dunha boa organización arquivística, fronte ás situacións habituais que atopan os arquivos, desde a carencia de persoal e recursos materiais até ás prácticas derivadas da aplicación das leis de segredos oficiais, de transparencia, normas administrativas, que dificultan os dereitos de acceso á información de cidadáns e xornalistas.
Pola súa banda Gaspar Domínguez, do SCQLab, afondará na histórica relación dos arquivos co poder, indagando nas fórmulas para invertir esta situación e poñer os arquivos ao servizo da cidadanía.

Experiencias TIC
Finalmente, Manolo González e Carmen Suárez presentarán o premiado proxecto «Fálame de San Sadurniño». Onde unha experiencia de alfabetización dixital transfórmase nun repositorio documental colaborativo que arquiva, comparte e preserva para o futuro a memoria colectiva dunha comunidade local.
As XornadasDOC, que son abertas ao público, finalizan cun coloquio moderado por Fernando Rivera, responsable da Biblioteca-Hemeroteca do Ateneo Ferrolán.

O contexto das XornadasDOC
As XornadasDOC do Ateneo Ferrolán celébranse con periodicidade bienal e teñen entre os seus obxectivos dar visibilidade e comunicar á sociedade a importancia do traballo que realizan os arquivos, bibliotecas e centros de documentación. A primeira edición celebrouse en 2013 e estivo adicada ás bibliotecas e arquivos especializados en información local.
 
Máis información: